SITUACIÓN: Pertecente á comarca natural de O Ribeiro, no concello de Cenlle (Ourense), e situada entre o monte Santrocado e o río Miño, no val da marxe dereira do mesmo, a entidade de poboación de Laias conta na actualidade con 222 habitantes, dos cales 126 son mulleres e 96 son homes (datos do IGE, ano 2011). Esta poboación está repartida polos seguintes lugares: A carretera, A Lama, O Val, Deirón, O Regueiro, O Souto, Viñal do Rei, A Nogueira e O Campo. Tamén existen algúns lugares deshabitados hoxe en día, coma O Coto, Carballeda e As quintás.

Noutras épocas contóu tamén cos lugares de A Barca de Barbantes, hoxe parroquia de seu, Loureiro, desaparecido, e Lameiro de Monte, que agora forma parte de Razamonde.

O Mapa Topográfico Nacional do M.O.P.U. 1:25.000, recolle esta parroquia nas follas RIVADAVIA (225-I; 11-21); SAN CIBRAO DAS VIÑAS (225-II, 12-21); MASIDE (187-III, 11-20) e OURENSE (187-IV, 12-20), entre os 42º 19´25" e os 42º 20´40" latitude Norte, e os 8º 00´55" e os 8º 2´20" (4º 20´35" no doc.de análise das augas termais) lonxitude Oeste.

A súa altitude mínima son 84 m. ao pé do encoro e a máxima 411 m. en As Penas do Sobral. Outros cotos de certa entidade son o Coto dos Monos, Catasol e A Cotoneira. Discorren por ela o Rego do Couto entre Razamonde E Laias; o regato do Foxo co que se xunta o da Porteliña; o Rego da Vesa, chamado actualmente Rego da Ponte e tamén coñecido co nome de Rego do Baño na súa desembocadura; o regato do Cabrón e o regato de O Castelo. Todos eles desembocan no Miño, á beira do que se sitúan os baños de augas quentes e o campo da festa.

Unha parte importante da superficie está ocupada polo monte común, con preto de 100 hectáreas, e polo que discorre en boa medida a autovía A-52. As terras de cultivo están na súa maioría adicadas ao viñedo, algo que noutros tempos non debeu ocorrer na mesma proporción como delatan o alto número de pozas de rega, as construcións de servidumes de paso de regadíos e as "tandas" nas que tradicionalmente se repartían as horas deste labor.

CLIMATOLOXÍA:Está influida de maneira significativa polo encoro de Castrelo de Miño, orixinando no inverno persistentes néboas. A oscilación térmica é importante, con veráns calorosos e invernos fríos, e unha pluviosidade propia das terras interiores, destacando os veráns secos.

 

POBOACIÓN: No ano 1571, estaba integrada a parroquia por 24 veciños e veciñas, que no 1712 se converten en 95 e no 1727 en 83. O Catastro do Marqués de La Ensenada no 1753 recolle información de 88 veciños e veciñas, cun total de 335 habitantes, o que da un promedio de 3,8 habitantes/veciño.

O dicionario de Madoz atribúelle 130 veciños e veciñas e 618 habitantes no 1847, chegando ós 641 no 1928 (450 no lugar de A Barca). No 1981, coa antiga parroquia repartida en dúas, hai 253 habitantes en A Barca e 248 en Laias, para chegar a 1998 con 244 só en Laias.

Despóis do levantamento militar de 1936, a relación poboación/recursos debía estar ao límite, como se deduce dos testimonios orais e do sinnúmero de actividades de subsistencia que se practicaron -minería de wolfram...-. Incidían negativamente nesta situación o racionamento e a falta da válvula de escape que podía significar a emigración, prohibida naquel momento, e que foi moi alta unha vez se permitíu a saída hacia outros países. En principio esta saída foi hacia América - Cuba e Arxentina principalmente- para logo dirixirse a Europa. Pode destacarse a case ausencia de destino moutras zonas do estado. O retorno foi moi importante nos derradeiros anos, aínda que minoritariamente tivo como destino o lugar de orixe.

Tamén se produciu unha importante inmigración, especialmente de persoal especializado de servicios, que se concentrou maioritariamente en A Barca.

Na actualidade o pobo de Laias conta con 222 habitantes (datos do IGE a 2012) dos cales 126 son mulleres e 96 son homes.

Segundo os datos do IGE para todo o municipio de Cenlle a distribución da poboación actual por idade, ofrece unha pirámide invertida, xa que hai unha gran caída de taxa de natalidade e un aumento da taxa de mortalidade.

A simple vista constátase que demográficamente o concello está colapsado.

A perda de poboación nos derradeiros cinco anos foi de 155 efectivos, o que represente unha caída de máis do 10%. No ano 2011, valla por caso, non naceu ningunha persoa e finaron 25.O índice de envellecemento ( relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos) para ese ano foi do 622,7 (919,4 para as mulleres e 417,3 para os homes), e todo isto nun contexto económico no que, a psear da crise social que vivimos, aínda non se produciu ningún desastre no tecido produtivo.

ECONOMÍA: Tradicionalmente a adicación laboral á agricultura foi case total, e únicamente no século XX aumenta a poboación adicada aos servizo - ferrocarril-. fundamentalmente no lugar de A Barca. Na actualidade a poboación adicada a tempo total á agricultura é mínima, e pola contra, destaca a que se adica a actividades industriais, tanto na propia parroquia - construcións metálicas, vila termal, servizos a comunidade-, como nas limítrofes - matadeiro de aves en Arrabaldo-.

Desde o punto de vista socioeconómico hai que destacar o enorme cambio que significou a chegada do ferrocarril, inaugurado no 1881, e que se pode entrever se comparamos os datos de distribución da poboación por lugares. Se en 1753, a veciñanza do lugar de A Barca -onde se ubicaría a estación de ferrocarril- representaba o 25 por cento do total, esta porcentaxe era do 70 por cento de habitantes en 1928.

Destacar, como curiosidade, o alto número de veciños que se adicaban a manexar a barca de pasaxe en tempos do Catastro de Ensenada, nada menos que dezaseis, case un cinco por cento.

En canto á propiedade da terra, hai que destacar que a veciñanza sempre foi propietaria, non producíndose nesta parroquia unha gran concentración de terras. Xa no Catastro de Ensenada destaca a ausencia de xornaleiros e de persoas sen recursos.

(FOLLA DO CATASTRO DO MARQUÉS DE LA ENSENADA (1753).Nela relacionanse a cantidade de ferrados que se adicaban a cada tipo de cultivo na parroquia de Laias, coma hortas de regadío, de secano. viñedo parral, de cepa, etc...)

PASA O RATO POLA IMAXE PARA VELA EN DETALLE

 

 

 

 

 

Laias: boas augas, mellores xentes