Nesta parroquia podemos dicir que o patrimonio co que contamos é bastante abondoso, anque nos derradeiros anos sufríu grandes mermas pois as actuacións institucionais para a súa conservación, son totalmente inexistentes.

A pesar de todo, a nosa xente intenta non perder o que nos queda, procurando conservalo dentro das súas posibilidades, sobre todo o patrimonio que se atopa nas propias casas.

Os tipos de elementos inventariados son os seguintes:

ÁRBORES SENLLEIRAS (Elemento ambiental):

- TILEIRO - Árbore moi alta, de tronco recto, con follas en forma de corazón e flores brancas recendentes que se empregan para infusións medicinais). Está nunha casa de particular de Viñal do Rei. (Foto 1)

- BEVEREIRAS OU BEVOREIRAS - Figueira que dá béveras (froito anterior é máis grande e verde có figo). Son unha especie en extinción na parroquia. Queda unha no Val e outra na Lama. Ambas en propiedades particulares. (Fotos 2 y 3)

- SOBREIRA OU CARBALLO DA CORTIZA- Árbore de folla perenne e madeira dura á que se lle tira a cortiza, que se emprega en diferentes usos industriais. Hai unha nas Carricovas, tamén de propiedade particular. (Foto 4)

- CARBALLO - Árbore de folla caediza, casca gris e froito en glande, a landra. Hai un exemplar antigo n´O Cabrón. (Foto 5)

Tanto os carballos coma as sobreiras por unha parte están en perigo de extinción os exemplares máis vellos, sen embargo, os exemplares novos están en fase de recuperación debido ao abandono dos montes e eidos.

- CHOPOS NEGROS - Árbore de folla caediza de grande altura, flexible, de copa ancha, casca agrisada, flores en amentos e froitos en acios. Están no Campo d´O Cabalo e son os únicos de propiedade pública. Aparte do seu propio valor tamén son importantes porque sinalan a liña que seguía ata hai uns anos o regato do Baño. (Foto 6)

En canto aos castiñeiros, xa non queda ningún exemplar de consideración na parroquia, anque sí os houbo noutras épocas.

PEDRAS ARMEIRAS (Elemento arquitectónico) E ARMA MEDIEVAL(Elemento cultural):

Son todas de propiedade privada.

- ESCUDO DOS SARMIENTO - Está na fachada da antiga igrexa parroquial. É un escudo dun so cuartel con trece bezantes no interior, colocados en tres paus de catro, cinco e catro. (Foto 1)

Os Sarmiento teñen as súas orixes a principios do século XIII, no que emparentaron cos poderosos señores de Rianxo e pasaron a ser unha das primeiras liñaxes da Coroa de Castela e León. Xa no século XIV, e grazas ao seu apoio ao pretendente ao trono de Castela Henrique II, foron recompensados por parte do novo monarca co cargo de adiantado maior de Galicia e o señorío de notables territorios nos límites norte e sur de Galicia.

- ESCUDO DOS MOSQUERA - Situado na fachada dunha casa do lugar d´A Nogueira. É tamén dun so cuartel e ten 5 cabezas de lobo, sinistradas. (Foto 2)

- ESCUDO DOS PUGA - Situado na mesma fachada que o anterior. Ten o campo cuartelado en cruz, cun caldeiro no primeiro dos cuartos que se repite no cuarto e unha espora no segundo que tamén aparece no terceiro. (Foto 3)

- ESCUDO COAS ARMAS DOS PUGA E MOSQUERA - Está situado na fachada dunha casa no barrio de Viñal do Rei. É cuartelado coas armas dos Puga no primeiro e terceiro cuarto e as dos Mosquera no segundo e cuarto. (Foto 4)

- ESCUDO COAS ARMAS DE CATRO LIÑAXES - Está na mesma casa de Viñal do Rei co anterior. É cuartelado e representa no primeiro cuarto as armas dos VAAMONDE (letra M coroada e con sete peixes), no segundo cuartel as armas dos LOSADA (unha lousa esmagando dous lagartos), e nos outros dous tres franxas e o año pascual cunha cruz (liñaxe sen identificar).(Foto 5)

Todos estes escudos están en bo estado de conservación e, a excepción dos da casa do barrio d´A Nogueira están no seu asentamento orixinal.

Por útimo temos unha ARMA MEDIEVAL, posiblemente un mazo de loita. ao que lle falta un anaco de cadea e un mango de madeira (Foto 6)

É de ferro fundido (pesa 1.235 g), de forma esférica con 16 puntas e un bulbo do que pende un enganche. As puntas están repartidas en tres planos de 5 en cada, e un no pólo oposto ao enganche. A esfera mide uns 6 cm.de diámetro e as puntas sobresaen coma un cm. Parece ser que era a cabalería a que utilizaba máis ben esta peza, podendo excepcionalmente non ser esférica.

Atopouse enterrada nun eido ao pé da estrada N-120, descontextualizada, polo que calquera hipótese é válida. De tódolos xeitos non debemos esquencer o papel que xogou Laias na Idade Media, mesmo sendo residencia temporal dos reis de León, caso de Vermudo II (982-999)