XACEMENTO ARQUEOLÓXICO D'A COVA DA MOURA E O CASTELO

ESCAVACIÓNS:O epigrafista Marcelo Macías dí que a parroquia de Laias é o municipio romano de Lais, famoso naquel tempo pola explotación das areas de ouro que arrastraba o Miño. Coinciden con esta opinión Florentino López Cuevillas e o P. Rodríguez.

Posiblemente coa explotación de ouro en tempos dos romanos, teña que ver este xacemento da Cova da Moura e O Castelo.

Alá por çagosto do ano 1949 inicíabanse as escavacións desta zona arqueolóxica baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas, contando coa colaboura de Ramón Lorenzo Fernández e Florentino López Cuevillas. Recóllense os datos das escavacións no "Noticiario Arqueolóxico Hispano", III e IV, cadernos 1-3 dos anos 1954-55, Madrid, 1956, páxinas 114 a 130.

Segundo se desprende do texto sinalado, hai neste xacemento construcións prerromanas "a menos que hayan sido constructores indígenas los empleados en su realización". Atopáronse abondosos restos de cerámica - lisa e decorada-, muiños de man circulares, algunhas moedas, fíbulas, pendentes, utensilios de bronce, pezas de colares, unha pedra decorada con "swastica" e outra con "sexifolia".

Hai no conxunto unha zona de habitación, outra de lavadeiros de mineral, un túnel, varias plataformas contidas por muros, tanques e fochas, canles de auga, a boca dunha mina ou pozo rectangular, un embalse, depósitos escalonados de maior a menor, escalinatas, un peso ou "pisón", un martelo de pedra, un posible templo, un gran embalse "con un gran manantial situado bajo los recintos del castro de San Torcuato ... en una amplia depresión ... debió constituir el gran embalse necesario para alimentar tan extensa explotación".

Estas primeiras escavacións tiveron continuidade en anos posteriores, sinalándose nas conclusións de Chamoso Lamas que a zona foi un centro mineiro de ouro, explotado xa antes da ocupación romana, e continuada por estes.

Como paso previo á construción da autovía A-52, a cal afectou practicamente á totalidade do xacemento, realizouse unha intervención de urxencia.

Como curiosidade, hai que resaltar que as referencias a este xacemento, mesmo nas publicacións universitarias, sempre van acompañadas dun erro sobre a súa situación. Chamoso Lamas dí que está en "Barbantes" (Cenlle), hai quen o sitúa en Barbantes (Punxín), e tamén hai quen o ubica en Ourantes (Punxín).

GALERÍA DE IMAXES: (Pinchar na foto para velas)

FOTO 1: Vista xeral dunha parte das escavacións na zona d´O CASTELO - COVA DA MOURA.

FOTO 2: Vista da parte inferior da "entrada" cunha especie de camiño facendo eses para vencer o desnivel. No ángulo superior da dereita vemos a "entrada".

FOTO 3: Vista da "entrada·.

FOTO 4: Escalinata onde se ve unha organización de lavadeiros e tanques.

FOTO 5: Detalle dun dos lavadeiros.

FOTO 6: Vista do "puzo", situado na parte superior das escavacións.

FOTOS 7, 8 E 9: Restos dun "pilón situado por riba da zona de suposto poboamento. O borde deste "pilón" ten un ancho dunhos 30 cm.

FOTO 10: Especie de lareira de forma circular, de pedras e barro, situada por debaixo do puzo.

FOTOS 11 E 12: Restos de dúas construcións.

FOTO 13: Restos atopados no xacemento.

COMO CHEGAR AO XACEMENTO: Na estrada N-120, entre Laias e A Barca de Barbantes, no punto quilométrico 584,9, hai unha área recreativa sinalizada. O xacemento atópase nunha ampla zona ás beiras da pista forestal que desde a mesma área recreativa sobe hacia o monte. Continúa a zona por riba da autovía, polo que hai que cruzar a ponte alí construida.