- NOS ARREDORES - Todos os pobos dos arredores de Laias teñen tamén un importante patrimonio que merece a pena coñecer. Imos destacar aquí algúns, pero existen moitos máis que se poden atopar paseando por esas fermosas paisaxes e visitando os pequenos pobos escondidos neles.

Na Barca consérvase un anaco de Calzada Romana que levaba ata Maside, pasando por Ourantes e Vilela (ambos no concello de Punxín).

En Ourantes destaca a igrexa románica (s.XII-XIII e con reformas do s.XVIII). A fachada principal é de transición ao gótico e remata cun Agnus Dei e a torre é de estilo barroco con dous corpos rectangulares. Ao lado da igrexa temos o cruceiro e unha fermosa paisaxe con castiñeiros, varios deles centenarios.

O castro de San Cibrao das Lás, situado entre os concellos de San Amaro e Punxín, é un dos máis extensos de Galicia. Está escavado en gran parte (aínda que queda moito por descubrir) e ten continuidade na atalaia do monte Santrocado. Este é a maior altitude do contorno (550 m) e constitúe un impresionante miradoiro dos vales dos ríos Miño e Barbantiño, xusto onde o segundo desemboca no primeiro. Desde él podemos divisar o encoro de Castrelo, as vilas de Maside e O Carballiño, o coto de Toén, .... Está coroado pola ermida de San Trocado, un dos primeiros evanxelizadores da Península e o que se acode para que protexa a casa, animais e froitos das treboadas, sobre todo das que son con descarga eléctrica, por iso ten un raio na man.

En relación con este coto hai unha lenda que lle contou a veciñanza a López Cuevillas e Bouza Brey, segundo a cal pode aparecer no medio do camiño unha gran serpe cun caravel na boca. É unha moura enfeitizada que vive dende hai moitos séculos neste monte e que quere volver ser muller, para o cal o que a atopa debe acercárselle e coller a flor polo outro estremo cos seus beizos. Isto fará desaparecer o encanto e a serpe converterase nunha fermosa moza.

 
VISTA DO CASTRO DE SAN CIBRAO DAS LÁS
 
 

 

 

En Eiras temos dous pazos: o de Sabaríz e o de Eiras, e na igrexa parroquial destaca o retablo construído por Castro Canseco. No centro do lugar aínda se conserva un grupo de cabaceiros. A carón dun dos pazos temos a famosa Carballa, a cal a pesar do paso do tempo e as viscisitudes sufridas, aínda impresiona co seu porte. Dela dicían os máis vellos do lugar que dez homes collidos polas mans non chegaban para rodear o seu tronco.

(Pinchar na foto para ver a galería de imaxes.)

Na mesma parroquia merece a pena facer un percorrido polo Regato da Lavandeira con vellos muiños e a fervenza da Fareixa que cae sobre o regato en Erbededo (Xubín).

En Erbededo destacan as ruinas dun lugar medieval con restos de vellos lagares, un muíño e a ermida de Santa Loucía.

En Razamonde a igrexa parroquial ten a ábside e as capelas laterais cubertas con bóvedas estreladas. Destaca o retablo do altar maior, de estilo renacentista (s.XVI-XVII). No exterior conserva restos románicos coma os canzorros e a porta sur con arco de medio punto lixeiramente apuntado.

(Pinchar na foto para ver a galería de imaxes)

En Arrabaldo pódese gozar dun paseo pola carballeira de A Ramallosa e en Trasalva podemos visitar a Casa-museo de Otero Pedrayo. Podemos aproveitar esta visita para facer algo de sendeirismo e coñecer as fervenzas do Barbantiño ou a vella ponte de San Fiz.

En Punxín hai un Pazo que conserva o muro de peche cunha inscrición de 1663. O escudo da fachada alude aos Jáudenes, Sarmiento, Bárcena,Somoza, Figueroa e Barrio. A igrexa románica de Punxín garda no seu interior o sarcófago de San Vintil (s.IX). Este foi ermitán en Punxín e atríbuenselle varios milagres en vida. Aínda que non está canonizado o seu culto está estendido por Galicia.

A 8 Km de Laias está Ribadavia onde podemos ver os restos do Castelo dos Sarmiento, o conxunto histórico por onde se estende o barrio xudeo -declarado BIC no 1947- coas súas calellas e rúas con soportais e algunhas casas brasonadas en pedra. Rivadavia ten gran cantidade de igrexas, entre as que destacan a de San Domingos (BIC 1931), San Xoán, Sta. María de Oliveira, Sta. María Madalena e Santiago.

- POLO OUTRO LADO DO RÍO - Podemos visitar en Feá a igrexa románica (finais do s.XII-principios do XIII) con decoración axedrezada na portada principal, a cruz de Malta no tímpano, e metopas, canzorros e outros elementos decorativos na cornixa.

En Puga temos a Torre do Olivar, edificio de tres plantas de forma cadrada situado nunha pendente. Na parte superior remata en gárgolas cun parapeto con pináculos rematados en bolas nos catro ángulos. Da antiga casa sóio queda a torre. Alí preto está un fermoso pazo.

Por último podemos acercarnos ao Parque náutico de Galicia, situado no encoro de Castrelo de Miño onde se practican deportes náuticos.

VISTA DO PARQUE NAUTICO DE GALICIA - CASTRELO DE MIÑO
   

FESTAS:

As festas patronais son na honra do San Bieito, e celébranse os días 10,11 e 12 de Xullo no "Campo do Cabalo".

Tamén son de destacar a Romería do SanTrocado o sábado seguinte ao 15 de Maio, e a festa do San Xoán o 24 de Xuño.

Nos lugares dos arredores hai tamén multitude de festas populares, entre as que destacan a festa da Istoria en Ribadavia, a da vendima en Leiro, a do cabalo no Puzo do Lago (Maside), ou a do polbo no Carballiño.

 

 

 

VISITAS CULTURAIS, DE LECER E FESTAS