LAGARES, LAGARETAS (Elemento arquitectónico) E PENSOS (Elemento etnográfico):

Os lagares e lagaretas foron moi importantes antes da aparición das prensas verticais. A maioría eran de propiedade compartida e os de maior tamaño tiñan o pío de pedra. Hai un nunha casa particular no barrio de Deirón (Foto 1) e restos doutro nas Quintás (Foto 2 e 3) e no Piñeiral (Foto 4).

En canto aos pensos, é dicir contrapesos, a gran maioría son de tamaño considerable e polo gran número deles que hai dedúcese a importancia do cultivo do viño en Laias.

Podemos atopar varios en toda a parroquia, contabilizamos unhs quince, anque algúns están case enterrados servindo de apoio a columnas (caso dunha casa no barrio da Lama), outro convertido en mesa (casa no barrio de Deirón), outros forman parte dos muros (no Val e na Lama), e hai tamén dous nun cruce de camiños.

Nas fotos podemos ver un penso nunha casa do Campo que mide 70 cm. de diámetro (Foto 5), outro no barrio do Quinteiro ( Fotos 6 e 7), outro nunha casa de Deirón (Foto 8) e dous pensos - un deles semienterrado - no cruce de camiños d´A Lama con Carballeda (Foto 9).

TANQUES DE LAVAR (Elemento arquitectónico, cultural e etnográfico):

Na actualidade teñen pouca importancia, pero noutras épocas prestaron un servizo moi importante. As casas potentes dispoñían do seu para servicio propio. Na parroquia hai dous de propiedade pública, o do Regueiro (Foto 1) e o do Campo do Cabalo (Foto 2). Hai ademais outro no Regueiro pero xa de propiedade privada, e varios de menos tamaño en distintas casas.

 

Coa construción do encoro quedaron debaixo das augas un público e outro dos destros parroquiais, ambos con auga termal. O actual do Campo do Cabalo dispón de auga termal, polo que é moi utilizado, especialmente en época de figadeiras para lavar a tripada, mesmo vindo persoas desde varios km de distancia para utilizalo.

PONTES, PONTILLÓNS (Elemento arquitectónico) E FONTES (Elemento etnográfico):

As pontes e pontillóns son de propiedade pública. Destaca a Ponte do ferrocarril no Campo do Cabalo (Foto 1) e tamén do ferrocarril no Aceal.

En canto aos pontillóns aínda quedan algúns na confluencia de camiños e regatos, a pesar de que a maioría deles desapareceron ó irse substituíndo por entubados reforzados de formigón armado.

 

 

As fontes son pequenas construcións de pedra, de propiedade pública, que inclúen un estanque para acumulación da auga, para así podela coller cun balde ou caldeiro. Ata non hai moitos años servían de aprovisionamento de auga para a veciñanza.

Na parroquia hai tres: unha na Lama (Foto 2), outra no Nogueiredo (Foto 3) e outra no Campo (Foto 4)

MINAS DE AUGA (Elemento etnográfico e ambiental) E POZAS DE REGO (Elemento cultural, etnográfico e ambiental):

Existían na parroquia varias minas de auga, pero hoxe están abandoadas ou semiabandoadas. Noutras épocas desempeñaron un papel importante para a economía (regadío) e o servizo doméstico (abastecemento de auga).

As pozas de rega son de propiedade privada, moitas compartidas entre varias familias, e son abundantes (temos catalogadas dezaseis). A estas puzas soe acompañalas outras ocnstrucións complementarias para a condución da auga, nalgúns casos con elementos en pedra.

 

Na foto 1 vemos unha poza de rega no barrio da Lama, preto da fonte; na foto 2 e 3 outra poza de rega esta no barrio do Quinteiro e na foto 4 vemos un rego feito para o paso da auga aos eidos, en Carballeda.

MINAS DE ESTAÑO ANTIGAS (Elemento etnográfico):

Eran explotacións de pequeno tamaño a ceo aberto ou baixo terra. Están ubicadas en monte comunal e son de propiedade semipública. Cubren unha ampla zona que abrangue terreos do lugar de Xinzo, da parroquia de Eiras.

Algunhas teñen unha especie de nichos nos que se debía colocar algún pequeno útil ou imaxe relixiosa (Foto 2), e tamén se observan cruces rebaixadas na propia terra e na boca de mina.

 

PEDRAS EROSIONADAS (Elemento ambiental e paisaxístico):

Son interesantes por ser pedras erosionadas principalmente pola acción do xeo. Están principalmente no monte comunal e existen varias sendo as máis coñecidaso "Penedo Furado" (Foto 1) e "O castelo" (Foto 2). Tamén podemos ver varias na zona recreativa (Foto 3).