VELLA IGREXA PARROQUIAL E RETABLOS (Elemento arquitectónico):

A vella igrexa parroquial data do século X ou XI e é de estilo románico. Está adicada a Santa Baia, Olaia ou Eulalia e, situada no Campo do Cabalo, foi igrexa parroquial ata que se construíu a nova, no ano 1971, pois a vella quedou afectada pola suba das augas do encoro de Castrelo. Na ctualidade emprégase para vodas e principalmente para as misas e procesión nas festas de S.Bieito (11 de Xullo).(Fotos 1 e 2)

Era Lugar de refuxio sagrado, tal como se pode ver na inscrición do arco da porta principal. E nas paredes por fóra hai cruces inscritas, posiblemente un representando un Calvario.

Hai tres retablos, de estilo Barroco do século XVIII que foron trasladados á nova igrexa. Son de de madeira, con profusa decoración propia da época e divididos en frisos.

O retablo central preside o altar maior. Nel destaca na parte superior a figura de Santa Baia, patrona da parroquia. e a ambos lados do sagrario están San Xosé e a Inmaculada. Estas dúas imaxes están sobre unhas peañas con inscricións. Na da esquerda podemos ler "PINTOSSE CON LOS CAVDALES" e na da dereita "COFRADÍA AÑO DE 1758?"(Fotos 3,4,5,6 e 7)

Na parte dereita da igrexa temos o retablo presidido por San Bieito flanqueado á dereita por San Xoán (patrón da parroquia) e a esquerda pola Dolorosa. Na parte superior remata cunha imaxe da Virxe.(Fotos 8,9,10,11)

Na parte esquerda temos o retablo presidido pola imaxe do Sagrado Corazón e no que destacan a imaxe da Virxe do Rosario a un lado e a de San Xoán Bautista no outro. Este retablo está rematado cunha imaxe da Anunciación.(Fotos 12,13 e 14)

 

 

Temos que sinalar tamén que na sacristía de vella igrexa consérvase unha pedra labrada (pía de auga) que mostra un sexquifolio a ambos lados da billa. Este motivo ten similitude co trísquele e a rosa sexifolia atopados na zona arqueolóxia da Cova da Moura e tamén co trifolio de Lás e os da igrexa de S.Miguel de Celanova. Todo elo leva a supoñer que puido haber unha igrexia prerrománica anterior. (Foto 15)

FORNOS (Elemento arquitectónico, cultural e etnográfico):

Foron moi importantes noutras épocas. A maioría eran de propiedade compartida por un grupo de familias, igual que ocorría con pozos, lagares, etc... Antes de deixar de utilizarse os de pequeno formato, a xente pasou a cocer no forno industrial, de maior tamaño.

Na parroquia temos un forno industrial de construción tradicional, é de leña, e está ao pé da N-120. É o único que se utiliza.

O resto dos fornos existentes están abandonados ou semiabandonados. Entre eles: forno na cima do Val (foto 1), forno en casa particular no barrio de Deirón (foto 2), forno en casa particular no camiño do Quinteiro (foto 3), forno casa do Coto.

LAREIRAS (Elemento etnográfico):

A lareira "lareira" propiamente dita é unha pedra plana ou pedras ben unidas que se erguen sobre o nivel do chan e onde se acende o lume nas cociñas das casas antigas e tradicionais. Enriba da pedra pendía a "gramalleira" (cadea de ferro cun gancho no extremo inferior) da cal colgaban os potes para facer a comida.

As "Lareiras" podían tamén ter unha zona debaixo da pedra para acumular a cinza e ademais levar unha plancha de ferro por riba a modo de protección que á súa vez usábanse para poñer sobre ela a "bica" (delgado pan de millo que se cocía cubríndoo cun testo e botándolle brasas enriba.

Soían ser lugar de reunión familiar, no que polas noites traballábase (laboreo de materiais de tecido, como a lá, ou o liño, degrañábase o millo,...) e contábanse historias, rezábase, etc... En resume, era un importante centro de reunión e culturización.

Na parroquia quedan bastantes, todas en casas particulares. Nas fotos vemos unha dunha casa no barrio d´O Campo (foto 1 e 2) e outra no barrio de Deirón onde podemos apreciar a "gramalleira" (foto 3)

MUIÑOS (Elemento arquitectónico e etnográfico):

Laias non é boa zona para os muiños pola pouca auga que levan os regatos. Na actualidade soio queda un no barrio do Regueiro, chamado o d´O Toco, anque leva moitos anos sen traballar e xa non conserva os elementos para tal fin. Ë de propiedade privada e está reconvertido en caseta (Foto 1). Preto deste había outro, o d´O Longo, hoxe desaparecido (Foto 2).

 

PORTADAS DE PATIOS E SOLAINAS (Elemento arquitectónico):

As portadas dos patios eran as antigas entradas a explotacións de vivendas, agrarias e gandeiras á vez.

Hoxe, unha vez repartidas en varias familias, tamén a portada é de propiedade compartida. Na parroquia deberon desaparecer bastantes aínda que non nos derradeiros anos, senón anteriormente. Temos coma exemplo: Portada na cima do Val (Foto 1) e Portada no Piñeiral (Foto 2). Ningunha conserva a estrutura de cubrición.

En canto ás solainas tamén xogaron un papel importante na actividade agraria, servindo de lugar de secado de produtos (millo, cabazos, castañas, lá ...). Consérvase algunha pechada, pero o normal eran as abertas, con barandas de madeira.

Podemos ver exemplo delas nunha casa no Val (Foto 3), outra nunha casa no Quinteiro (Foto 4) e tamén hai unha solaina interior nunha casa do Campo.