BALCÓNS DE FERRO FORXADO (Elemento arquitectónico):

Aquí recollemos os balcóns feitos de maneira artesanal e artística. Son todos de propiedade privada e están en casas ubicadas no que foron as principais vías de comunicación da parroquia.

Abranguen unha época que vai do 1882 ao 1940 aproximadamente. A maioría teñen as iniciais do cabeza de familia e o ano de elaboración.

 

CABACEIROS (Elemento arquitectónico e etnográfico):

Xeralmente chámanse hórreos, pero segundo as zonas reciben nomes diversos coma cabaceiros (o caso de Laias), canastros, celeiros, palleiras, piornos. Son construcións accesorias das casas labregas e están destinados a gardar cereais (especialmente millo) e outros produtos agrícolas. Poden ter forma rectangular ou cuadrangular, van sobre un número determinado de parellas de columnas e sobre muretes transversais. As paredes da cámara van perforadas por fisgoas (aires ou ventos) para facilitar a aireación interior.

Na parroquia foron moi abondosos ata non hai moitos anos. Actualmente temos dous exemplares completos, ambos en casas particulares, un na Ponte e outro no Souto. Teñen os balaústres de madeira, que eran como os tiñan a maioría. Con eles de pedra houbo un na rectoral vella, hoxe desaparecido.

Quedan ademais algunhas pezas soltas pertecentes a cabaceiros desfeitos, coma tornarratos (pedras planas que se colocan sobre as columnas ou pés do hórreo para evitar que os ratos accedan a el). Pés e tornarratos podemos atopar algúns facendo de mesas de xardín.

CRUCEIROS E CRUCES (Elemento arquitectónico, cultural e etnográfico):

Na parroquia so hai un cruceiro que actualmente está no adro da nova igrexa.(Foto 2,3 e 4), sen embargo ata o ano 1988 estivo situado n´As Carricovas, (Foto 1) nome que fai referencia á descrición topográfica do lugar: barranco, cavorco ou foxo. Neste lugar, antes de construirse o campo de fútbol, estaba na cima de dúas fortes pendentes que alí tilña o antigo camiño real. Segundo algúns veciños máis vellos, a xustificación de estar alí sería que a dificultade do ascenso para aqueles antigos carros tirados por animais faría que os carreteiros pecasen abundantemente, facendo bo aquel dito popular de "xura máis ca un carreteiro". Superadas as dificultades, os homes poderían arrepentirse ao pé do cruceiro.

De todas as formas estaba nun cruce de camiños, como a maioría dos cruceiros, e ademais era por onde pasaban os defuntos da parroquia, camiño da igrexa e o cemiterio.

Neste cruceiro cabe destacar a incrición que leva nas catro caras da base (Fotos 5 e 6) e que é a seguinte:

A súa tradución sería:"AÑO 1661 ESTA OBRA MANDARON HACER A SU COSTA JULIO LOPEZ MOSQUERA Y PUGA E ISABEL DE LOSADA SU MUJER."

En canto ás Cruces, existían varias nas capelas de antigas sepulturas no adro da igrexa vella. Sen embargo estes nichos foron desmontados na súa totalidade, unha vez trasladados os restos ao novo cementerio, para aproveitar o espazo.(Fotos 7 e 8).

INSCRICIÓNS EN PEDRA (Elemento cultural e etnográfico):

Ademais da inscrición xa indicada na base do cruceiro, temos as seguintes (algunhas bastante deterioradas):

- PORTADA DA ANTIGA IGREXA PARROQUIAL- Nela pódese ler: "Esta es iglesia de refugio sagrado".(Foto 1)

- LUMIEIRA NOS RESTOS DUNHA CASA NO BARRIO DO PIÑEIRAL-Aínda se pode ler o seguinte:"Año de 1735 esta la mandó hacer ¿? RODRÍGUEZ MOURE".(Fotos 2,3 e 4)

- CASA NO BARRIO DO REGUEIRO - Consta:"¿1854" (Fotos 5 e 6)

- CASA NO VAL - Consta: "...." (Fotos 7 e 8)