Durante todo o Antigo Réxime, a parroquia de Laias formou parte da xurisdición de Maside, e así, en 1815 aparece unha representación da veciñanza outorgando poder notarial xuntamente cos veciños das outras parroquias desta xurisdición, para reclamar que continúe como escribán da mesma Francisco Antonio Millán. Unha "Orde Circular" do Real Consello da Cámara do 11 de marzo anterior, sinalaba que se debía convocar unha especie de oposición aberta a todas as persoas interesadas para cubrir as vacantes, de aí que se orixinase un conflito co "Ayuntamiento" ao nomear este a outra persoa. Sen que se coñezan ben as causas, de forma sorprendente, ao constituirse os concellos constitucionais arredor de 1835, a parroquia aparece formando parte do concello de Cenlle, e non como sería de esperar nos de Maside ou Punxín.

IDADE CONTEMPORÁNEA

Coa entrada na Idade Contemporánea, orixinouse un conflito entre a veciñanza e o Conde de Ribadavia que afectou principalmente á navegación no río Miño. O motivo foi o pagamento das rendas e dereitos de pasaxe pola barca de Barbantes, así como o dereito á liberdade de navegación, iniciándose o proceso de establecemento de dúas novas barcas de pasaxe, unha en Quellepán e outra en Troncoso, conseguindo esta derradeira a autorización definitiva por real orde de 1882, ante o recurso de alzada interposto polo Marqués de Camarasa.

Como non podía ser doutra maneira, tamén no século XIX xogou un importante papel a barca de Barbantes, como paso case obrigado do Miño. Por ela cruzaron os exércitos franceses en 1809, así como as tropas carlistas en 1838.

A historia do século XX ven marcada pola existencia da estación de ferrocarril no lugar de A Barca, que orixinou unha intensa actividade económica e determinou a configuración dunha entidade de poboación semiurbana na que se concentraron os principais servizos do concello de Cenlle. Na actualidade a parroquia está dividida en dúas, e ambas esmorecen económica e socialmente, como lles ocorre á maioría dos lugares do seu entorno.

A MODO DE CONCLUSIÓN: O poboamento da zona de Laias probablemente se iniciou en época prerromana, para acadar un certo relevo coa romanización e a explotación dunha área mineira en A Cova da Moura e O Castelo.

Durante o Antigo Réxime pertenceu como couto ao condado de Ribadavia, xuntamente cos dereitos de pasaxe pola barca de Barbantes, establecida na mesma parroquia. Esta situación motivou unha importante documentación que se conserva en boa cantidade no arquivo de Medinaceli.

Defínese o lugar en boa medida por ser vía de comunicación, ven fluvial, coa barca de Barbantes principalmente, ven terrestre, co paso do camiño real da Barca de Barbantes a Ribadavia primeiro, coa estrada de Castela, iniciada en 1834 despois, e coa estrada Vigo-Benavente do Plan de Accesos a Galicia de 1970. Na actualidade pasa pola parroquia a autovía A-52. Segue esta vía terrestre tamén o ferrocarril, construíndose na propia parroquia a Estación de Barbantes, hoxe ubicada na parroquia de A Barca de Barbantes.

Formando parte de O Ribeiro, a produción vitícola e a propiedade de viñedos, tamén orixinou importante documentación sobre a parroquia.

Outra fonte de información sobre a parroquia foron, e aínda son, as augas termais existentes na mesma.

PARA SABER MÁIS:

- FONTES:*Arquivo histórico da Universidade de Santiago: Fondo microfilmado do arquivo dos Condes de Ribadavia, pertencente á Casa de Medinaceli.

- BIBLIOGRAFÍA:*"Viños, viñas e xentes do Ribeiro". Luis Domínguez Castro. Ed.Xerais. Vigo, 1992. *Boletín Auriense. Anexo n.24. Olga Gallego Dominguez. *Boletín Auriense, tomo VIII,1978. Juan Carlos Rivas Fernández.