IDADE CONTEMPORÁNEA: OS DEREITOS DO POBO:

A Real Orde de 1811 de abolición dos señoríos motivou que os veciños de Laias puxesen trabas á pasaxe polo porto de Barbantes, do que se seguíu unha merma de 5.200 reás para os posuidores do mesmo, así como a perda das rendas de pan, viño e máis.

Xa en 1805 se deixaba oir a voz popular, e Pedro Conde Mondragón, xuíz do couto de Feá, certifica sobre as irregularidades que se cometían na barca de Puga, que non serían diferentes ás de Barbantes "no acuerda que en ella se obserbe ningún arancel, ni ciertamente hay otro que el que ponen los que la reman, exigiendo a cada pasagero lo que se les antoja... la ynsolencia e iregulares procederes de los barqueros...".

En 1818 declara Manuel Antonio Puga, ante a reclamación do conde sobre impagamento das rendas do couto de Laias, sinalando que "hasta el año pasado de ochocientos doce que todos los vecinos confederados con los arrendatarios que también lo eran se alzaron de pagar aconsejados de algunos sugetos y por esta causa estan deviendo la renta de todas especies desde dicho año hasta lo de presente" pero o declarante, indica "que desde aora en adelante se allana á pagar y por lo atrasado suplica a S.E. y a los padres patronos del colegio le hagan perdón...".

A veciñanza non só se opón ao pagamento das rendas, senón tamén doutras servidumes como a venda de madeiras, e así se recolle nun despacho expedido polo subdelegado xeral de Correos y Caminos do Reino de Galicia o seis de novembro de 1826 a instancia do Conde de Ribadavia para que Juan González, xuíz do couto de Madarnás cumpra co auto do 19 de novembro do 1824 baixo a multa de 50 ducados"... permitiendo por su tasación el uso de maderas necesarias para la reconstrucción de la Barca, Barqueta y Barco del puero de Barbantes". Tales embarcacións "estaban destruhidos y que daban transito no solo á los naturales sino también á las tropas facilitándoles el pasage del camino Real que ba desde Rivadabia á Orense carretera de Castilla, Tuy, Vigo y otras partes".

De 1828 coñecemos un despacho da intendencia Xeral do Reino de Galicia sobre "...a petición del Sr. Conde de Rivadabia y del apoderado del Colegio de Vivero para que en el término de quince días se reclamen y paguen, José Mozo, Rafael Martínez, José Yglesias y Pedro Villamarín 16.400 rs que adeudan por el arriendo de dos años de las barcas mayor y menor con el barco del puerto de Barbantes...", seguindo as dilixencias de requerimento e apremios ata o ano 1831.

ACTUALIDADE:

O porto de A Barca tivo que competir a partir desta época con outros portos, incluso na mesma parroquia onde operaron barcas de pasaxe no porto de Quellepán, entre A Veiga (Laias) e Puga (Toén), e a barca de Troncoso (Astariz-Castrelo de Miño).

Coa chegada do ferrocarril en 1881 e a construción dunha estación, a de Barbantes, no mesmo lugar de A Barca, coñeceron unha época de grande actividade as barcas como medio de transporte, de viño especialmente, entre a marxe esquerda do río e a vía férrea.

Os novos medios de transporte que colleron forza no século XX fixeron que decaese a importancia da barcas, ata desaparecer nos anos sesenta.

PARA SABER MÁIS: *Boletín Auriense. Tomo VIII, 1978. *Boletín Auriense. Anexo nº24.