PORTO ESTRATÉXICO: ACCIÓNS MILITARES:

Sendo un paso importante, tivo un alto valor estratéxico en certas campañas militares. Así ocorreu en 1809 durante a invasión napoleónica, cando o exército francés se topou coa resistencia dos paisanos "... obligándoles a tomar distinta ruta por la barca de Barbantes" ... "apostándose unos junto al puente de Casardomato y otros junto al puente de Sanfiz".

Nun documento do arquivo de Camarasa (Arquivo Histórico da Universidade de Santiago), consta a declaración de Bentura Pérez, veciño da Barca que declara que "en el mes de febrero de mil ochocientos nuebe, se acamparon y subsistieron por espacio de quince días en la parroquia del testigo la división del exercito francés que comandaba el general Sul y con este motibo han echo varios saqueos y destrozaron todos los efectos y enseres de los vecinos de dicha parroquia quienes con el declarante se vieron en la dura precisión de abandonar sus casas, y acogerse a las montañas".

En plenas guerras carlistas, en xullo de 1838, a Compañía de Granaderos estacionada en Lalín saiu en persecución de facción carlista do Ribeiro do Avia, atopándoa o día 30 e levándoa en retirada "hasta las inmediaciones de la Barca de Barbantes, en cuyo puerto la atacó y dispersó haciéndoles algunos muertos, ahogándose una gran porción de ellos, que intentaron pasar el río por un bado (sic) donde fueron cargados".

ANTIGÜIDADE:

Segundo Antonio Rodríguez Colmenero, en época romana existiría unha vía secundaria, a XVI do convento bracaraugustano, que cruzaría o Miño desde Feá (Toén) ata Civitas Turodorum (A Ciudá de San Cibrao das Lás), o que impliacría a existencia xa daquela da barca de pasaxe na Barca de Barbantes.

No ano 918, Gunterigo cede aos conde Gutier e Ilduara (pais de Rosendo, fundador do convento de Celanova) as dúas terceiras partes da vila de Feá -que recibira dos seus tíos, os reis Ordoño II e Elvira-, o porto da dita vila, e a terceira parte do pozo de Puga.

O ANTIGO RÉXIME: DOMINIO DO CONDADO DE RIBADAVIA. DISPUTAS POLA BARCA:

O dominio da barca correspondía ao condado de Ribadavia e á igrexa de Feá, pero en 1487, Álvaro Pérez, crego rector de Sta. Mª de Feá cédelle ao conde para sempre a metade da barca a cambio de 300 pares de brancas.

No ano 1480 o Conde de Ribadavia Bernardino Pérez Sarmiento, fixera doazón en Benavente á súa muller María Pimentel, do couto de Laias coa barca e o portádego de Barbantes.

Pero foron moitas as disputas por esta posesión, e así en 1487 o mesmo Bernardino, primeiro Conde de Ribadavia, é denunciado na Corte polo seu antigo maiordomo e agora recadador de alcabalas no bispado de Ourense, o xudeu Moisés Pérez, porque o Conde cobraba as rendas que llea arrendara a Moisés, e a Condesa que lle arrendara as rendas do couto de Laias e a barca do porto de Barbantes, despoxárao e desapoderárao de tal arrendamento. Nese mesmo ano esixíalle á parroquia de Feá a mitade das ganancias da barca.

En 1489 continúa este pleito e en 1495 había outro máis entre o mesmo Bernardino e Andrés de Rivera, viúvo de Constancia Sarmiento, filla de Diego Pérez Sarmiento e finada nese mesmo ano, pola mitade da barca. En 1496 segue a disputa.

En 1584 existe unha demanda de "mitad de la barca de Barbantes y competencia de jurisdicción", por parte da condesa de Ribadavia, contra Gómez Pérez das Mariñas e outros.

O usufruto da barca arrendábase, como ocorre no ano 1669 en que o leva Juan López Mosquera. Pero tamén isto produce demandas como a que se segue en 1690, constando que o arrendamento "corre de San Juan a San Juan", e que é por "tres años", pagando "4.500 reales en cada uno de ellos", e entre as obrigas cos barcos "y en tiempo de crecientes prenderlos con prisiones y maromas de suerte que no la pueda llebar la fuerca del agua".

Sabemos que en 1742 se arrendaba a barca e consta no arquivo de Camarasa que en 1743 ou 44 "el Colegio y Conde arriendan separadamente cada uno la porción que tiene a dicha barca... y correr con la barca, un día el arrendatario del conde u otro el del Colegio".

Un documento de 1752 especifica a renda que se paga, e outro posterior sinala que o arrendamento é conxuntamente cos "quintos y renta sauida de aquel partido". Do mesmo xeito, outro documento de 1776 especifica o arrendamento "da barca e barco" cos quintos e demais rendas.

No ano 1812 "...los vecinos confederados con los arrendatarios que también lo eran se alzaron de pagar aconsejados de algunos sugetos y por esta causa están deviendo la renta de todas especies desde dicho año hasta lo de presente (1818)...", polo que o Conde reclama o pagamento ao igual que ten que facer en 1828 "...para que en el término de quince días se reclamen y paguen, José Mozo, Rafael Martínez, José Yglesias y Pedro Villamarín 16.400 rs que adeudan por el arriendo de dos años de las barcas mayor y menor con el barco del puerto de Barbantes...".

O rexedor síndico do concello de Viveiro, Luis Peón, arréndalles en 1847 a cinco veciños de Barbantes, por dous anos, a metade da barca en 900 reás o primeiro ano e 1.000 o segundo, libres de contribucións e en 1849 o arrendatario é José Iglesias, por 690 reás anuais, e por un ano desde o dous de febreiro, sendo o apoderado do Conde de Ribadavia, José Romero y Vázquez.