Ao seren coñecidas estas augas termais dende hai séculos, moitos foron os bañistas, bañeiros ou "parrulos" (como se lles chama por aquí) que pasaron polos baños de Laias, e aínda non hai moitos anos que era rara a casa que non albergaba a algúns, supoñendo a súa presencia unha axuda para as economías familiares. Viñan de todos os lugares de Galicia e tamén da parte de León, e como o normal era que repetiran varios anos, e que puidendo ser, "pararan" na mesma casa, establecíanse en moitos casos unhas relacións de amistade que duraban máis alá incluso da vida dos directamente implicados en tal relación.

Tamén ao longo de tantos anos, lévanse producido multitude de anécdotas referidas á presencia dos bañeiros, como a de aquel ou aquela que nos primeiros días en que tomaba os baño tiña que ser transportado nun carro, marchando polo seu pé ao terminar a temporada.

Ou outras máis chistosas como a daquel que foi baixar as calzas, iso dixo él despois, ao eido dun veciño. Este que pensou que lle ían robar as uvas colleu a escopeta e o bañeiro que non as venta boas, bota a correr pola carretera e véndose apurado cruza o curral dunha casa, atravesa o comedor e enchúfase debaixo da cama nunha habitación. Os que estaban ceando quedan pampos e cando reaccionan e van onda o home, este non fai máis que pedirlles por favor que disimulen e que o deixen quedar alí porque o queren matar.

A historia quedou nun tremendo susto para o bañeiro e na perda do seu chapeu que non se atreveu a ir recuperar, e para os demais nun conto dos moitos que relatar nas longas sobremesas.

ACTUALIDADE:

Actualmente existe un novo complexo termal na parroquia, que consta de estación termal, edificio residencial e hostal, todo elo á beira das augas do río Miño. Os manaciales son os mesmos de sempre, e os edificos están preto dos anteriores balnea rios.

Para realizar esta obra constituíuse a Fundación "Balneario de Laias" que estableceu un convenio coa sociedade que explota as instalacións. A escritura pública da Fundación ten data de 17 de novembro de 1998, constando tres representantes do Concello, e outros tres da parroquia.

 

No Diario Oficial de Galicia do 03/07/2000 apareceu clasificada como "de interese cultural", e as augas foron declaradas coma mineiro-medicinais no BOE do 21/08/2000.

Antes da súa inauguración, o día 25/03/2001, os veciños puideron facer un percorrido guiado polas instalacións para coñecer de cerca as distintas partes das mesmas, quedando gratamente sorprendidos pola obra realizada.

O 07/04/2001 foron inauguradas as novas instalcións polo Presidente da Xunta, D.Manuel Fraga.

Este novo complexo termal adáptase ás novas inquedanzas da sociedade, a cal xa non busca nos balnearios só un sitio onde curar as súas doenzas, senón que cada vez máis, é un referente para relaxarse e descansar uns días apartados das presas e agobios das cidades.

Ademais dos "baños" tradicionais para curar doenzas, ofrece unha gran variedade de tratamentos relaxantes, de estética, sauna, piscinas, etc.... Tamén ten salóns onde se celebran reunións, congresos e vodas. Para estas últimas tamén conta ao seu carón coa vella igrexa parroquial.

A súa situación privilexiada, á beira do río Miño, fai que se poida gozar dunha gran tranquilidade e dunhas fermosas paisaxes, así como da cercanía das xentes do pobo de Laias, acostumadas desde séculos a recibir a estes visitantes.