Os problemas parece que son coa Facenda, e así, noutro documento de novembro do mesmo ano consta que o "Comisionado de venta de bienes Nacionales", Manuel Rodríguez Fernández, asitido do alcalde de barrio José Fernández e como testemuña José María Piñeiro e Ángel Piñeiro para "diligencias de investigación del campo llamado do Cabalo... y en su esquina mas una area treinta centiareas que acupan un tanque labadero y mas con destino a baños con dos casetas una de piedra y otra de madera obras que construyeron los vecinos del pueblo de Layas para sus servicios particulares pasa de cincuenta años...". "...la finca... es del común de vecinos y en ella celebran sus funciones campestres sirbiendo también para el recreo y paseo de los mismos cuando toman los baños y ademas tambien para las mujeres secar y estender sus ropas cuando laban, que no tiene dueño propio ni les consta que se pague por ella contribución alguna al Estado...".

O 30 de xuño de 1899 o presbítero encargado da parroquia comunicáballe ao bispo da diócese "...que ha sido puestas en venta por el Estado unas aguas minero-medicianles, y con ellas una cerca cerrada sobre si ... de los productos de dicha finca venía utilizándose desde siempre el Párroco... Se digne interponer y hacer valer su autoridad para evitar la venta de dicha finca, ó por lo menos conseguir que su valor sea en beneficio de esta Yglesia, que tantas reparaciones necesita". Xa se fixera unha primeira subasta o día 16 de xuño, renunciando o maior licitador, que perdeu a fianza.

O Vigairo Xeral da diócese, mediante "auto de oficio" indica que se poña en coñecemento do Ministerio Fiscal " por si estima de su deber indicar lo que sea de derecho para averiguar... y defender, si hubiere motivo, los intereses de la Yglesia".

O catro de xullo de 1899 constituíuse unha comision que lle toma declaración a cinco veciños e que tamén tiña o cometido de confeccionar un plano topográfico de todos os destros parroquiais. Á primeira reposta os declarantes sinalan que sempre se considerou ao párroco como dono do Campo do Cabalo, menos para a celebración de festas.

Á terceira pregunta , que se refería a quen administraba as augas termais e que tiña dereito sobre elas, foi contestada de forma case xeral, que ao principio ninguén lle facía caso ás augas, que despóis se fixo un pozo no que se bañaba a xente, e máis tarde, cando viron que eran de utilidade, os veciños, por suscrición, construíron unhas pías de pedra, cobrándolle unha pequena cantidade ás persoas que os utilizaban, para o que había un arrendatario, e os beneficios empregábanse en arranxos da igrexa e dos camiños, así como no socorro das persoas necesitadas. A decisión da veciñanza de construir as pías deu lugar a "contiendas verbales de derecho entre Párroco y feligreses prevaleciendo las aspiraciones del pueblo...". Esta situación veuse mantendo ata que "hace ocho ó diez años tiempo en que primero el Ayuntamiento y luego la Administración de Hacienda se incautaron de las referidas aguas".

En 1903, o número 139 de Boletín Oficial da Provincia de Ourense do 22 de xuño, publica un anuncio de Administración de Propiedades e Dereitos do Estado comunicando que o día 19 de xullo "tendrá lugar... la subasta del arriendo de una finca... que contiene un nacimiento de aguas termales, con un lavadero, unas pilas para baños y unas casetas, dicha finca denominada "Campo do Cabalo"... Arréndase por un mínimo de 450 pts.anuais e o pagamento das contribucións.

Nin o bispado nin a Facenda se quedaron coa finca nin coas augas, supoñendo a vecindade que hacia o ano 1906 unha "xogada" legal do concello de Cenlle, coa connivencia dalgún veciño puxo baixo a dependencia do Concello esas propiedades, e así, o 30 de setembro de 1922, pagábanselle ao mesmo 1.750 pts. por "importe del arriendo de aprovechamiento del Campo do Cabalo, correspondiente al año actual".

Por acordo plenario do Concello de 5 de Decembro de 1958 concédese a utilización das augas por un período de vinte anos a contar desde o 1 de xaneiro de 1959.

A construción do encoro de Castrelo de Miño, que leveba consigo o asulagamento das augas e parte do edificio, coa conseguinte perda do manancial, orixinou un conflito entre a veciñanza, partidaria de que FENOSA construíse outro balneario, e o Concello, que pensaba cobrar a correspondente indemnización. Comenza a mobilización veciñal xa no ano 1970, visitando o cemiterio un notario para levantar acta da inundación de panteóns, ocasionada pola auga do encoro. Utilizábase así o cemiterio como arma de presión contra a hidroeléctrica.

 

 

 

 

 

O 15 de setembro de 1971, constitúese legalmente unha "Comisión General de Veciños", constando no documento as sinaturas autógrafas duns cento vintecinco veciños e veciñas. O que pedía a veciñanza exprésao a Presidenta nun escrito "Es cierto que el pueblo pedía el Balneario, lavadero, alumbrado y arreglo de la pista y esto se consiguió...". O dous de decembro de 1975 asínase o "Convenio administrativo en expediente sobre expropiación de bienes municipales entre el Ayuntamiento de Cenlle (Orense) y Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A. (FENOSA) sobre balneario de Layas. Año 1975", e o 27 de xullo de 1977 inaugúranse as novas instalacións, nas que máis tarde se van facer algunhas melloras. Inclúen algunhas habitacións, cafetería, e o principal, as dependencias para baños e inhalacións. Para aproveitar a auga constrúense pozos de barrena.

Este balneario estivo traballando hata o ano 2000. Neste ano únicamente se usaron as instalacións para algunha actividade da veciñanza e como cafetería nas festas parroquiais.